tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Robots que comen para obter enerxía

Calquera dispositivo necesita unha fonte de enerxía para funcionar, que logo transforma e utiliza. Coñecemos máquinas e sistemas que se alimentan con enerxía térmica, química, nuclear, eléctrica, mecánica, solar, …

As persoas obtemos a enerxía necesaria para funcionar a partir dos alimentos. Aproveitamos a súa enerxía química grazas á descomposición no proceso dixestivo. Pero … por que non van facer o mesmo as máquinas?

Xa se están a desenvolver diversos prototipos de robots que se alimentan da materia orgánica que atopan no medio.

EATR (Energetically Autonomous Tactical Robot ou Robot Táctico Enerxeticamente Autónomo) da empresa Robotic Tecnology, utiliza o seu brazo robótico equipado cunha pinza e unha motoserra para obter biomasa e alimentar con ela unha cámara de combustión que lle proporciona a enerxía necesaria para seguir movéndose e alimentándose.

Está deseñado para facer labores de vixilancia, limpeza de campos de minas ou fins militares, e din que podería ter unha operatividade de 160 km por cada 68 kg de vexetación queimada.

eatr2.jpg
EATR.jpg

Anque ninguén asegura que só pode comer vexetais. Esa motoserra tamén podería servir para cortar un humano en anacos e utilizalo para obter enerxía. Dan medo estes prototipos militares.

Outros prototipos que se están a desenvolver son os EcoBots do Intelligent Autonomous Systems Laboratory.

Comezaron co SlugBot, un robot autónomo que podía identificar e recoller lesmas para alimentar un dixestor anaeróbico.

slugbot2.jpg

Logo probaron cun robot capaz de alimentarse con material vexetal utilizando unha de pila de combustible microbiana, e tamén o EcoBot II, un robot que utiliza alimentos crus, tales como moscas ou mazás podres.

EcoBot.jpg

O robot aliméntase a man proporcionándolle insectos, os cales dixírense nunha pila de combustible microbiana que converte a enerxía da descomposición dos insectos en enerxía eléctrica. Cunha comida lixeira de 8 moscas, fan que o robot se mova pouco máis de dous metros. O seguinte paso será que o robot sexa capaz de cazar eses insectos de forma autónoma

Supoño que nuns anos veremos robots capaces de conseguir a súa propia comida. Imaxinádevos un cortacéspede autónomo que funciona grazas a enerxía da herba que vai cortando, ou robots exterminadores de pragas de insectos que funcionan alimentándose deles.

Que máis aplicacións se che ocorren?

(Vía: maikelnai.es)


2 Comments

  1. Imaxina unha aspiradora que empregue a combustión do pó e dos ácaros para producir suficiente enerxía para moverse

  2. Lucio, sería unha aplicación estupenda, pero cres que a enerxía dos ácaros pode ser suficiente para mover unha aspiradora robótica? Ou a casa está sucísima ou necesitaría unha fonte de enerxía suplementaria.

Deixa unha resposta

Required fields are marked *.