Este mes temos en Galicia dúas citas moi interesantes para as persoas afeccionadas á tecnoloxía: o día 11 a OSHWDem na Coruña e os días 24, 25 e 26 a Maker Faire Galicia en Santiago de Compostela.
OSHWDem
A OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration) é unha feira de tecnoloxía onde se expoñen inventos cun nexo común: todos eles son proxectos libres, é dicir, que as súas especificacións, esquemas e código foron publicados, de forma que calquera poida estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos e mesmo melloralos. Atoparás novas tecnoloxías, robótica, arte, Internet das cousas, electrónica, hardware, software, competicións de robótica, etc.
Eu participarei co mural 100Hex de impresión 3D, e está aberto a que calquera participante contribúa nel co seu propio hexágono, coas únicas limitacións de dimensións (60 mm de lado e 2mm de espesor) e cor (branca).
A edición do 2017 celebrarase o día 11 de novembro no Museo Domus da Coruña.
Maker Faire Galicia
A Maker Faire Galicia celebra este ano a súa terceira edición. É unha feira de inventos, un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc. Celebrarase os días 24, 25 e 26 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Podes ver o programa aquí.
Non volas perdades!