Publiquei este artigo en educacontic, pero vouno reproducir (e ampliar un pouco) tamén aquí, pois escribino por mor da campaña contra a Wi-Fi nas escolas que estou a ver estenderse en Galicia, e tamén porque vén a conto co vindeiro tema que imos ver en 4º de ESO sobre tecnoloxías da comunicación.
Desde hai uns meses, en varias ocasións chegoume información sobre unha campaña en contra da inclusión de tecnoloxía Wi-Fi nas aulas que denuncia que ten efectos prexudiciais para a saúde. Tanto na información que lin sobre esta campaña como nos debates que tiven en diversos foros observei moi pouco rigor científico nas argumentacións.
Non vou poñerme neste artigo a rebater, punto por punto, os argumentos esgrimidos na campaña anti Wi-Fi, pero si me gustaría aclarar certos conceptos científicos básicos sobre a radiación electromagnética que a xente debería ter en conta á hora de construír a súa propia opinión.
A natureza da radiación electromagnética.
Se organizamos as ondas electromagnéticas en función da súa frecuencia (Hz = Hercios) obtemos o chamado espectro electromagnético.
Canto maior é a frecuencia da radiación maior é a enerxía (J) que transmite.
Segundo se a radiación é capaz de romper enlaces das moléculas ou non, podemos diferenciar entre radiación ionizante e non ionizante. Os raios gamma, raios X e luz ultravioleta son ondas ionizantes, pois son ondas de alta enerxía que poden producir danos no ADN. O resto son ondas non ionizantes e non provocan ningún dano nas moléculas.
En telecomunicacións (radio, televisión, teléfono móbil, GPS, radar, Wi-Fi, bluetooth, etc.) utilízase o chamado espectro radioeléctrico, que abrangue frecuencias desde os 153 kHz até os 300 GHz.
A tecnoloxía Wi-Fi utiliza polo xeral a banda de 2,5 GHz (2,5·109 Hz), que se atopa dentro do rango das microondas.
Unha das afirmacións que máis escoitei é que as microondas que utiliza a wifi “son malas e provocan cancro”. Se observamos o espectro electromagnético, veremos que esta radiación é non ionizante, ten algo máis de enerxía cás ondas de radio, pero moita menos cá luz visible. Hai algunha razón pola que debemos ter medo dos efectos da radiación de microondas e non da luz dunha lámpada? Non ten esta unha maior frecuencia e enerxía e é máis daniña?
O primeiro erro na argumentación é, polo tanto, acusar á microondas de nocivas só pola súa natureza, sen analizar outras variables como a súa intensidade ou potencia.
A potencia da radiación.
Supoño que o medo á radiación do rango das microondas utilizada en telecomunicacións provén de asociala co forno microondas, capaz de quentar os alimentos ao facer vibrar as moléculas de auga contidas nos mesmos. Con todo, este efecto está máis relacionado coa potencia da radiación utilizada que coa propia natureza da mesma.
A potencia é a cantidade de enerxía transmitida pola unidade de tempo, e mídese en vatios (W).
A potencia á que pode funcionar un forno microondas pode ser da orde dos 1000 W.
Os valores típicos de potencia de emisión dos dispositivos Wi-Fi habituais atópase entre os 32 e os 100 mW (entre 0,032W e 0,1W) o cal é unha potencia insignificante, que non ten efecto algún sobre as nosas células.
Para entendelo pensemos, por exemplo, nas forzas. Unha forza de 1 N sobre o meu brazo non me provoca ningún efecto, pero unha forza de 10.000 N estrágamo completamente. Ben, pois o mesmo sucede coa radiación. A luz visible é a que nos permite ver, pero esa mesma radiación nun láser pode cortarnos a retina. Os efectos que podan ter sobre a saúde diferentes fenómenos físicos (radiación, temperatura, forzas, corrente eléctrica, etc.) teñen máis que ver coa súa magnitude que coa súa natureza.
A Axencia de Protección da Saúde británica di que “sentándose sobre un punto de acceso Wi-Fi durante un ano recíbese a mesma dose de radiación que cunha chamada de teléfono móbil de 20 minutos”. Habería que coñecer os datos exactos de potencia en cada caso e realizar os cálculos, pero supoño que a afirmación non vai desencamiñada.
Para saber máis:
Recoméndovos ver este vídeo do programa Escépticos de ETB: As ondas do mal? Xa o publicara hai tempo noutra anotación.
[eitb.com: Escépticos (Capítulo 4): ¿Las ondas del mal? ]
Ligazóns:
- Mirade a campaña Escola sen Wi-Fi
- Blogue Magonia:
- Documentos da Organización Mundial da Saúde:
- Museos científicos Coruñeses: Antenas e saúde (pdf)
- Informe: Medidas de Certificación de Emisións Radioeléctricas de Instalación WIFI en ikastola
Para tomalo con humor:
- Perigo! Radiación lumínica!
- Vídeo de Mi Mesa Cojea para a campaña #SinCiencia
Por se hai dúbidas
- Organización Mundial da Saúde: “A pesar das abundantes investigacións realizadas, até a data non hai probas que permitan concluír que a exposición a campos electromagnéticos de baixa intensidade sexa prexudicial para a saúde das persoas.
- Instituto Nacional do Cancro de EEUU: “Non hai evidencia concluínte ou consistente de que a radiación non ionizante emitida polos teléfonos celulares estea asociada cun maior risco de cancro”
- Journal of the National Cancer Institute: “O efecto fotoeléctrico non é unha cuestión de opinión, a absorción de enerxía de radiofrecuencia non pode romper as moléculas de ADN, e os estudos en animais son bastante consistentes en mostrar que non hai aumentos de cancro como consecuencia da absorción de enerxía de radiofrecuencia”.