tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Mulleres na ciencia e na tecnoloxía

Hai tempo que tiña pensado escribir algo sobre o mal enfocadas que están as campañas de fomento dos estudios de ciencia (e de tecnoloxía?) entre as mulleres, e fun deixándoo pasar, pero como hoxe mesmo a cousa chegou ao colmo non vou demorar máis tempo as miñas críticas, que coido que sirvan para reflexionar sobre o que estamos a facer.

O disparate máis grande nunca visto en campañas de fomento da ciencia entre as mulleres vén nada menos que da Comisión Europea, que nos presenta “Science: It’s a girl thing” cun patético e ridículo vídeo  no que os estereotipos sexistas se mostran de principio a fin, e que xa provocou duras críticas en twitter e na blogosfera, baixo os hashtags #CientificasConTacones e #realwomenofscience.

Non volo perdades: Tacóns, pintabeizos, camiñar de pasarela, poses sedutoras, vestidos de cor rosa, … todo o que unha muller necesita para dedicarse á ciencia!!

[youtube:  O vídeo oficial Science: It’s a girl thing! foi eliminado, pero atopeino noutro sitio]

A min isto dáme verdadeira vergoña allea! Como é posible que hoxe en día teñamos que aturar estas cousas?

Nunca vin unha campaña que chegase a estes límites de sexismo e estupidez en tan pouco espazo e tempo, pero a verdade é que para min fallan estrepitosamente todas estas campañas existentes de fomento dos estudios científicos entre as mulleres, polo menos as que teño visto.

A que acaba de presentar a Comisión Europea merece un capítulo aparte, e quero referirme agora a outras campañas que soemos ver expostas nos institutos de Educación Secundaria. Vou destacar os que son, ao meu parecer, os erros máis comúns que atopamos nestas campañas e exposicións.

Fomentar entre as mulleres os estudos de ciencias? E os de tecnoloxía?

O primeiro erro é centrarse no fomento dos estudios científicos entre as mulleres e non mencionar a tecnoloxía.
Se botamos unha simple ollada á matrícula nas diferentes carreiras universitarias vemos que que as carreiras de ciencias (bioloxía, química, medicina, farmacia, física, matemáticas, etc.) están cheas de mulleres, e en moitos casos superan con creces o número de varóns.
O problema aparece cando observamos a matrícula nos estudos de enxeñarías, e é aquí onde as mulleres non chegan ao 20%.

Pode ser que hai décadas fose necesario atraer ás mulleres cara as ciencias por seren minoría, pero hoxe en día iso está máis que superado, e no que habería que incidir realmente é nos estudos técnicos, que é o ámbito onde a muller aínda está máis desprazada. Porén, as campañas que teño visto ata agora céntranse na ciencia e a tecnoloxía nin se menciona ou queda oculta case imperceptible entre outras mensaxes.

Ademais, a insistencia en fomentar os estudios de ciencia entre as mulleres utilizando mensaxes que están máis ca superadas provoca máis estrañeza que interese entre as rapazas.

Mulleres especiais na historia, modelos a seguir?

Outra das miñas críticas a estas campañas é a de presentar en exclusiva modelos de mulleres históricas que fixeron a súa contribución á ciencia facendo un traballo excepcional fóra da normalidade na sociedade na que vivían.

Con todos os meus respectos cara a estas mulleres, defendo que non son o modelo a seguir polas rapazas novas de hoxe en día nin representan a forma de traballar na actualidade e que, ao contrario do que se pretende, provocan máis rexeitamento entre a xente nova que intención de seguir os seus pasos.

Desde logo que as mulleres do vídeo da campaña “Science: It’s a girl thing” non son un modelo a seguir, pero tampouco pode selo unha muller pechada dentro dun laboratorio escuro, tapada ata o pescozo, que nin sae, nin se divirte, nin se relaciona cos demais. Iso non funciona!

Se queremos motivar ás mozas, débese mostrar a actualidade, a realidade que se van atopar no seu futuro máis próximo, e non centrarse no pasado, por moi interesante que nos pareza.

Individualismo? E o traballo en equipo?

Hai unha excesiva tendencia a mostrar “figuras” en ciencia e tecnoloxía nas actividades para estudantes ou nas accións divulgativas, dando a idea de que a actividade científica e a tecnolóxica se desenvolven de xeito individual por persoas que destacan, “xenios” que se saen do normal, cando o que hai que difundir entre a xente máis nova é que a ciencia e a tecnoloxía son accesibles a calquera persoa que estea interesada nestes campos e que estude e traballe para dedicarse a eles, sen necesidade de ser xenios.

Ademais, hoxe en día en calquera actividade de ciencia ou de tecnoloxía é fundamental o traballo en equipo e estar conectados en rede. Ninguén nestes tempos desenvolve un medicamento ou deseña un dispositivo electrónico de consumo de forma individual, en solitario. A actividade científica e tecnolóxica realízase por equipos de persoas formados por homes e mulleres, e non por individuos illados, que é o que se dá a entender en moitas exposicións e campañas.

Como mostrar a ciencia e a tecnoloxía para atraer ás mulleres?

Non son nada partidaria deste tipo de campañas, pois parécenme contraproducentes, e ten mellor resultado mostrar a ciencia e a tecnoloxía como algo neutral no que caben mulleres e homes, pero no caso de que se fagan, na miña opinión:

Non debe faltar:

  • Mostrar e fomentar a tecnoloxía, a gran esquecida.
  • Mostrar e dar a coñecer a actualidade, e non centrarse na historia.
  • Mostrar actividades nas que homes e mulleres traballan xuntos, sen importar o sexo.
  • Mostrar o traballo das mulleres como algo normal, con naturalidade, e non como algo especial.
  • Mostrar a necesidade de traballar en equipo e de conectarse en rede para compartir.
  • Intelixencia.

Sobra:

  • Sexismo e machismo. Xa está ben!
  • Estereotipos. Nin a ciencia nin a tecnoloxía poden basearse en estereotipos. Non lles son propios.
  • Frikismo. Isto espanta a maioría das mulleres e non aporta nada positivo.
  • Mensaxes tipo anuncio de Ausonia. As rapazas non son estúpidas!
  • Individualismo. As figuras no son nada sen equipos que as acompañen.
  • Soberbia.

 

Non sei se estas reflexións servirán para algo, pero polo menos xa me desafoguei :-P…