100hex. Arte con impresión 3D

Non todo vai ser facer cousas funcionais. Tecnoloxía e arte casan moi ben, e quixen aproveitar que teño unha impresora 3D para realizar un proxecto persoal de decoración dunha parede que tiña bastante sosa. Trátase dunha composición de hexágonos todos da mesma cor e dimensións, pero cada un cunha imaxe diferente.

[100hex from María L on Vimeo.]

Para a preparación das pezas e xeración dos ficheiros stl necesarios para imprimir utilicei:

  • Debuxo CAD con Onshape
  • Debuxos e fotografías tratadas con Gimp e Inskape, e xeración do ficheiro stl con Openscad.
  • Programación directa con Openscad e BlocksCAD para a xeración de figuras recurrentes, funcións e fractais
  • Algunhas pezas foron xeradas modificando ficheiros que atopei en Thingiverse. Grazas á xente por compartir!

Tendes todos os ficheiros en Thingiverse. Trátase dun proxecto aberto, que se pode ir ampliando con novas pezas. Se vos animades a engadir algún novo deseño, adiante.

Podería ser unha idea para decorar esas sosas paredes que soen ter os institutos. Non?

Feliz verán!

 


Mecanización na arte topiaria

Nunca me gustaron esas esculturas feitas en plantas. Para min son moito máis bonitas se as deixas medrar ao seu aire, aínda que recoñezo o mérito artístico de quen se dedica á arte topiaria.

Porén, non vos imaxinedes a a unha persoa cunhas tesoiras de podar cortando as pólas que sobresaen do buxo, pois a mecanización tamén chegou aquí. Nos seguintes vídeos podes ver unhas máquinas dunha empresa holandesa que poden podar arbustos en forma de bóla ou de cono a un ritmo entre 600 e 5000 por hora.

[youtube: 11.4 R=400 L.wmv]

[youtube: 13 Kegelknipkooi]

Outro modelo da mesma compañía é capaz de podar un campo ou xardín con plena autonomía, utilizando para guiarse un mapa en 3D e GPS.

Un horror! Agardo que non se estenda a moda destes espantosos xardíns.

Máis información: pruned.blogspot.com


Fotografiando experimentos

As fotografías de Caleb Charland baséanse en experimentos coas leis da física. Utilizando obxectos cotiáns, xoga co magnetismo, a luz, os estados da materia, a densidade ou o equilibrio para construír interesantes montaxes que logo fotografía en branco e negro, e que recordan aos experimentos e experiencias que realizamos nos institutos de secundaria.

Podes visitar a galería en www.calebcharland.com

CalebCharland.jpg

(Vía: Maikelnai’s Blog)


Frecuencia e volume

Rafael Lozano-Hemmer é un artista que realiza obras de arte tecnolóxica. Realiza intervencións interactivas en espazos públicos utilizando robótica, proxeccións, son, conexións de internet e telefonía móbil, sensores e outros sistemas que se desenvolven pola presenza do público, interactuando cos corpos das persoas ou coas súas sombras.

Entre os seus proxectos atopamos “Frecuencia e volume”. Trátase dunha instalación interactiva que investiga o espazo radioeléctrico e converte ao corpo en antena, pois permite aos participantes sintonizar radiofrecuencias utilizando a sombra do seu corpo.

antenassombra

Un sistema de seguemento computarizado detecta as sombras dos participantes, que se proxectan nunha escala de entre 100 e 800 m2. As sombras escanean as ondas coa súa presenza e posición, e o seu tamaño controla o volume do sinal.
A peza permite a sintonización de calquera frecuencia desde os 150 kHz aos 1.5 GHz, incluíndo tráfico aéreo, FM, AM, onda curta, celular, CB, satélite, telefonía sen fíos e radionavegación. Pódense escoitar ata 16 canles simultáneas e a contorna sonora xerada é unha composición dirixida polos movementos da xente.

Podes ver máis proxectos de Rafael Lozano-Hemmer na súa web.

(Vía: www.alg-a.org)


ArtBots

ArtBots 2008Autómatas e robots, antes confinados en fábricas, universidades e centros de educación secundaria, abren paso cara o mundo exterior e introdúcense nas galerías de arte. Un exemplo é ArtBots, exposición internacional de arte robótica na que participantes de todo o mundo amosan as súas creacións artísticas baseadas na automatización e na robótica.

Robots que responden a estímulos externos ou que interactúan coa xente, autómatas mecánicos que realizan movementos hipnotizadores, música producida pola acción da luz ou do movemento no exterior ou implementación de sistemas físicos en resposta a acontecementos virtuais son exemplos do que se está a facer no mundo da “tecnoarte”.

O seguinte vídeo amosa a mostra Artbots 2008 que tivo lugar en Dublín no mes de setembro.

Entre as obras expostas hai unha que podería ser un proxecto na ESO, pois trátase dun automatismo sinxelo que non necesita programación: Solar egg

A peza consta de catro circuítos solares que almacenan enerxía e que activan mecanismos que fan chocar cáscaras de ovo, utilizando o proceso de carga e descarga dun condensador electrolítico. A secuencia obtida depende da luz incidente e das diferenzas entre os distintos circuítos.

Aquí podes ver o vídeo

Poderíanse facer adaptacións desta idea e substituír os compoñentes mecánicos por outros electrónicos que dean diferentes tons, e conseguir facer un instrumento musical solar.