tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

XVI Entroido da Física

Mentres agardamos polas desexadas vacacións e Entroido podemos ir celebrando o “Entroido da física“, que este mes tócalle estar en tecnoloxia.org.
Estas son as contribucións que chegaron:

  • galileo_ochiollino.jpgA invención do microscopio.
    Manuel Sanchez cóntanos como eran os primeiros microscopios que permitiron achegarnos ao máis pequeno desde 1595.
  • Un metamaterial de récord.
    Neste post fálannos dun novo metamaterial co índice de refracción máis grande xamais conseguido, creación do Instituto Avanzado de Ciencia e Tecnoloxía de Corea.
  • A pluma e o martelo de Galileo.
    Artigo sobre a demostración de que dous obxectos de masa diferente caen coa mesma aceleración en ausencia de rozamento.
  • Primos e átomos
    Atoparemos o patrón dos números primos na física cuántica?
  • A paciencia de LISA
    Sobre a misión Lisa, que ten coma principal reto a detección de ondas gravitatorias
  • O efecto Compton
    Explicación do efecto que demostra a natureza cuántica da luz xunto ao efecto fotoeléctrico e a radiación do corpo negro.

A vindeira edición do Entroido da Física será no blogue Vega 0.0
A divulgación continúa!…

XVI edición do Entroido da Física

carnaval_fisica_logo.pngCarlo, de gravedad-cero.org, pediume que tecnoloxia.org albergase este mes a XVI edición do Entroido da física, evento blogueiro que ten como finalidade a divulgación da física no que xa participei noutras ocasións, así que xa sabedes, o día 28 de febreiro publicaranse aquí os artigos que me enviedes.

Que hai que facer?

1. Escribir un artigo no teu blogue que teña relación coa física. Pode ser calquera cousa: un post sesudo, algo breve, unha cita, unha imaxe, un vídeo, …
Podes escribir en calquera idioma, pois todos son perfectamente válidos para divulgar ciencia e tecnoloxía.

Este mes o tema é as relacións entre a física e a tecnoloxía. Por exemplo:

  • Avances na física que contribuíron a un avance na tecnoloxía.
  • Avances na tecnoloxía que contribuíron a avances na investigación en física.
  • Traballo conxunto entre física e tecnoloxía cun obxectivo común.

Isto non é obrigatorio, e acéptanse artigos de calquera temática que teña que ver coa física, directa ou indirectamente.

2. Indicar no artigo que dita publicación vai participar na edición deste mes do Entroido da Física, e poñer un link a http://tecnoloxia.org

3. Escribir un correo a maria@tecnoloxia.org indicando a URL do teu post. Debe ser antes do 25 de febreiro.

O luns 28 de febreiro (este mes non pode ser o día 30) publicarase aquí un listado con tódalas contribucións e un breve resumo de cada unha.

Veña, animádevos a participar!

Efecto microondas

Hai tempo que non participo no blogueiro Entroido da Física, que este mes vai ser en cienciamia.net, así que aproveito para explicar aquí o “efecto microondas”. O nome é cousa miña, xa que non sei como chamalo.

Trátase do fenómeno que se produce cando, despois de sacar o café con leite quente do microondas antes de que ferva, botámoslle o azucre e sae todo o contido da cunca coma se se producise unha explosión no seu interior.

Pódelo ver neste vídeo, anque nel só temos auga:

Isto ten que ver co xeito de quentar que ten o forno microondas. Cando quentamos o café con leite as microondas fan que as moléculas de auga que hai no interior comecen a vibrar, aumentando a temperatura.

Podes ver aquí unha animación do movemento das moléculas de auga sometidas a microondas
auga_microondas.jpg

As moléculas de auga rompen as súas ligazóns coas outras moléculas e pasan a estado gasoso, ou vapor, pero non poden saír á superficie debido á tensión superficial, pois non teñen enerxía suficiente para superala. Supoño que ademais da tensión superficial tamén terá que ver a masa de pesadas moléculas que hai por riba cando se trata de leite.

Cando quentamos o café con leite nunha tarteira non sucede nada diso e podémoslle botar o azucre sen problema. O vapor si pode escapar, xa que ao existir un foco quente establécese un movemento de convección no fluído axudando ao vapor a superar tódalas barreiras.
Convection.gif

Volvendo ao café con leite quentado no microondas, o vapor, ao non poder escapar, quédase no seo do fluído a moita presión. No intre en que lle botamos o azucre o que estamos a facer é crear un camiño para que todo ese vapor escape, e así o fai, levándose por diante todo o café con leite que queriamos tomar.

Así que para no sufrir ningún accidente será mellor non quentar excesivamente a auga ou o café con leite no microondas.

Actualización:
Se non sabes como funciona un forno microondas podes consultar esta infografía de consumer.es

Clica aquí para ver a infografía en pantalla completa

Multiplicación chinesa no entroido matemático

Estamos en entroido, mais non todo consiste en disfrazarse e comer filloas e orellas. Pola rede hai uns entroidos alternativos adicados á divulgación da ciencia.

Ata agora este blogue xa participou dúas veces no entroido da física cos artigos: “yocto, zepto, atto, femto … peta, exa, zetta, yotta” e “Rotor que parece que non xira

Agora tócalle a quenda ao entroido das matemáticas.

Xa que acaba de comezar o ano chinés do tigre, aproveito para amosar unha maneira de multiplicar chinesa ben curiosa, moi útil para cando vos esquezades da calculadora. Só tedes que debuxar unhas liñas e contar as interseccións para obter o resultado, tal e como explican neste vídeo:


[youtube: Multiplicacion china]

Facede a proba!

E haberá que ir pensando en celebrar un entroido da enxeñería…

(Este artigo forma parte da 1ª edición do entroido das matemáticas)

———-
Actualización 15/02/2010:
Aquí está a compilación dos artigos participantes.…

Rotor que parece que non xira

Fixádevos no rotor deste helicóptero. Parece que non se move!


[youtube: Extreme Lift Device]

Outras veces na tele ou no cine vemos rodas de coches que xiran en sentido contrario cando se moven cara adiante.

Isto é debido a que cando gravamos un vídeo a determinados fotogramas por segundo algo que xira a unha determinada velocidade angular prodúcese unha distorsión óptica do movemento.

No caso do helicóptero de vídeo, o rotor xiraba a 360 rpm e foi filmado por unha cámara a 30 fps.
(nota: rpm= revolucións/minuto, fps= fotogramas/segundo)

Imos facer uns cálculos:

fotogramas.png

O resultado é que temos un fotograma cada vez que o rotor xira 72º.

Como vemos no vídeo, o rotor ten 5 pas separadas entre si precisamente 72º. Ao xirar 72º cada pa toma a posición da anterior, e como a cámara non capta as posicións intermedias dá a sensación de que o rotor non xira.

Este efecto chámase Wagon-wheel effect ou efecto estroboscópico. Podes probalo con esta aplicación flash de michaelbach.de:

[Aplicación flash de Wagon-wheel effect]

A roda represéntase coa velocidade de película de 24 fotogramas por segundo. Mediante o cursor podes variar a velocidade angular coa que xira, desde 0 ata 240 rpm.

Observa como percibimos que a roda xira nun sentido ou no contrario segundo a velocidade angular. Se a velocidade é de 120 rpm verás como parece que está parada. Isto é o que lle ocorre ao helicóptero do vídeo.

(Este artigo forma parte da 3ª edición do entroido da física)

Actualización 1/09/2010:

En Abadía Digital acabo de ver un curioso efecto óptico nas hélices dunha avioneta. Prodúcese o chamado efecto shutter, que sucede cando as cámaras de vídeo fan un varrido vertical.


[Bendy Propeller from Steve Talkowski on Vimeo.]