Premio “Desafíos STEM”

Moitos parabéns ao alumnado de Tecnoloxía Industrial de bacharelato que no pasado curso 2018-2019 traballou no proxecto mClon deseñando pezas para imprimir, conectando e programando novos sensores e actuantes e axudando na documentación co IDE de Arduino. Acadamos o premio de innovación educativa “Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D” na categoría de afondamento “Desafío robots”. (Ver resolución en pdf)

Parabéns a Luis Corbacho, Javier Español, Ana Fernández, Samuel Ferreira, Javier Giráldez, Borja Rial e Martín Aballe. Un premio ben merecido polo magnífico traballo que fixeron.


OSHWDem 2019

Se vos interesa a tecnoloxía aberta e o mundo maker tendes unha cita imprescindible o vindeiro 9 de novembro no museo Domus, na Coruña.

Created with GIMP

A OSHWDem (Open Source HardWare Demonstration) é unha feira de tecnoloxía organizada por Bricolabs na que todos os proxectos que se expoñen e os que participan nas competicións teñen un nexo común: o hardware e o software son libres. Iso implica que calquera pode estudalos, entender o seu funcionamento, replicalos, transformalos ou utilizalos como base ou inspiración para novos proxectos.

Que atoparemos alí?

  • Exposición: Proxectos de robótica, electrónica, arte, IoT, hardware, impresión 3D, etc. Todos os anos atopamos cousas impresionantes.
  • Competicións: Segue-liñas (iniciación), velocistas de persecución, labirinto, minisumo, combate de robots, etc. O ambientazo fai tremer o museo.
  • Talleres: Se queres aproveitar para aprender a soldar, construír un mini-dron ou un escornabot non esquezas apuntarte.
  • Charlas: Contarán que hai dentro dun micromouse ou un segue-liñas e falarán sobre LoRa e IoT. Apúntale tamén se queres asistir.

O equipo de mClonRobot estaremos na exposición mostrando as novidades que temos despois de traballar o curso pasado co alumnado do IES de Teis de Vigo e o alumnado do IES Primeiro de Marzo de Baiona. Na edición 2018 da OSHWDem mostramos o prototipo básico que acababa de nacer e este ano temos moitas novidades: engadimos unha PCB, matriz de leds, lanzafichas, alerón-cronómetro, tiras de leds e pezas tuneadas.

Vémonos alí!