Aparellos ximnásticos do século XIX

Chegan as vacacións, o solciño, e comeza algunha xente a apuntarse ao ximnasio para intentar lucir un corpo máis xeitoso na praia. Alí atopan aparellos controlados por ordenador cheos de funcións, con pantallas que amosan os datos recibidos de múltiples sensores repartidos polas máquinas.

Pero a cousa non foi sempre así. A evolución destes trebellos non é allea ao desenvolvemento tecnolóxico. Mira esta galería de aparellos de ximnasia do século XIX e compáraos cos actuais.

(Ver en SlideMyPics) (Visto aquí)

A roupa deportiva sufriu tamén unha gran evolución, verdade?

Non hai escusas, a operación bikini é hoxe máis fácil ca nunca, polo menos no referente á tecnoloxía utilizada ;-)


(Venice Beach, California, EEUU. 1932.)


Antes e agora: Como cambiaron esas cousas que nos rodean

Antes e Agora é un dos traballos que fixo este curso o alumnado de 4º de ESO.

antesagora.jpg

O obxectivo fundamental foi investigar sobre a evolución tecnolóxica que sufriron esas cousas que nos rodean e que usamos día a día e reflexionar sobre a importancia de tecnoloxía na mellora da nosa vida, facéndoa cada vez máis cómoda.

Dedicámoslle moi pouco tempo á realización deste traballo (2 horas de clase e algo de traballo na casa), pero maila iso creo que o resultado non está mal, pois foron moitos alumnos e alumnas os que incorporaron fotografías e vídeos propios de cousas que teñen na casa vendo a evolución do que teñen máis preto.

Por exemplo, podemos ver como se elaboraba o pan, antigamente a man e agora con maquinaria industrial, con fotos e vídeos caseiros. Tamén a evolución dos ferros de pasar, das cociñas, das aspiradoras, … e incluso dos váteres.

Observaron tamén que todos estes trebellos electrónicos coma os teléfonos móbiles, consolas, monitores ou os dispositivos de almacenamento de información aos que tan acostumados están non teñen tantos anos, ou descubriron que as calculadoras non foron sempre electrónicas como as que temos agora, ou que antes había que pinchar unha agulla para poder escoitar música.

Non faltou ao final unha reflexión moi imaxinativa sobre como seguirán evolucionando estas cousas nun futuro, pero quedou isto sen incorporarse ao traballo. Mágoa non telo engadido e volver dentro duns anos para ver se se cumpriron as predicións.


A qué vos gustaría dedicarvos?

O primeiro día de clase estivemos falando do que queredes estudar despois de rematar a ESO ou o bacharelato. Estudiade o que vos guste, pero é importante que nunca deixedes de aprender, pois a vida pode dar moitas voltas e podedes acabar traballando en cousas que non van ter nada que ver coa vosa formación inicial, así que non vos vai quedar outra que irvos adaptando sempre.

En Abadía Digital hai un artigo moi interesante sobre a evolución dalgunhas das grandes empresas tecnolóxicas de hoxe en día, e isto serve de exemplo dese cambio do que vos falo.

  • logo_nokia.pngNokia, fundada en 1865, foi orixinalmente unha fábrica de pulpa de madeira. Posteriormente dedicouse á fabricación de pneumáticos para coches e bicicletas, papel, zapatos, ordenadores ou televisores. Hoxe en día é unha importante empresa de telefonía móbil.
  • logo_ibm.pngIBM naceu en 1911, e dedicábase á fabricación de máquinas para cortar carne, sistemas para o control de empregados ou equipos para a xestión de tarxetas perforadas usadas polas primeiras computadoras. Hoxe en día é unha grande empresa de informática.
  • logo_nintendo.pngNintendo fundouse en 1889 e durante máis de medio século esta compañía dedicouse únicamente á produción e distribución dun xogo de cartas. Máis adiante traballaron explotando servizos de taxis, hoteis, cadeas de comida rápida e un canal de televisión. En 1978 lanzaron o seu primeiro videoxogo.
  • logo_sony.pngSony comezou en 1945 coma un pequeno taller de reparación de radios. Logo comezou coa fabricación de compoñentes para electrónica e telecomunicacións, e hoxe en día é unha grande empresa de electrónica.

Que fixeron as persoas que traballaban nesas compañías ante os cambios nas mesmas? Ou se adaptaron aos cambios, ou fóra!

A tecnoloxía evoluciona e as persoas evolucionamos con ela. Dentro duns anos a tecnoloxía de agora converterase en tecnoloxía obsoleta e teredes que traballar utilizando máquinas e sistemas que nunca usastes anteriormente. Teredes que aprender fóra da formación regrada, e ter disposición para saber buscarvos a vida pola vosa conta e non esperar a que volo dean todo feito, así que nunca perdades o interese en seguir aprendendo, pois os traballos do futuro van esixir que esteades ao día.

Podes ler o artigo completo sobre as empresas tecnolóxicas en Abadía Digital.