2º premio!!

premios No DOG de hoxe, martes 18 de decembro, saíu publicada a resolución dos Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información 2007. O traballo “Tecnoloxía na Educación Secundaria” recibe o segundo premio na modalidade de materiais curriculares web.

Cando presentei este recurso en setembro, apenas tiña publicadas unhas poucas novas no blogue e as seccións e “electricidade” e “o ordenador”, e a verdade é que dubidaba de que concederan o premio a un proxecto con licenza creative commons, aberto e dinámico e que xa estivera circulando na rede, xa que ata agora os contidos premiados foron sempre materiais pechados, de moita calidade, pero que apenas se actualizaban posteriormente. Entendo esta resolución coma un incentivo para a elaboración de materiais abertos e dinámicos, en consonancia coa web 2.0 actual, e non estaría mal unha actualización das bases da convocatoria neste sentido.

Pois nada, que estou encantada de que se recoñeza este traballo con este premio, pero é máis satisfactorio para min saber que os recursos de tecnoloxia.org están a usarse por alumnado doutros centros e que resultan útiles para o profesorado, pois esa é a intención deste sitio, que seguirei actualizando pouco a pouco.

Parabéns ao resto de gañadores e gañadoras. Non vos perdades o primeiro premio: A auga, aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial, de Antonio Lomba.


Mergullámonos na robótica!

imaxe de complubotHoxe a directora do meu centro deume unha boa nova: Chamaron do MEC para comunicarnos que nos conceden unha axuda para o proxecto “Didáctica da robótica para a diversidade educativa mediante a introdución do método Lego Mindstorms” dentro do programa de axudas para o establecemento de agrupacións de centros educativos para a realización e posta en práctica de proxectos comúns (BOE do 06-06-2007)

Traballaremos conxuntamente os departamentos de Tecnoloxía de catro centros de secundaria: un de Girona, un de Madrid, un de Bizkaia e o noso, o IES Primeiro de Marzo, de Baiona (Pontevedra)

En concreto, no noso IES, traballará neste proxecto o alumnado dos grupos de Diversificación Curricular de 3º e 4º de ESO, que participará en diversas competicións de robótica ao longo dos dous anos que dura o proxecto:

  • F.I.R.S.T. Lego League
  • Robocampeones
  • European Robocup

Agora quentamos motores, e comezaremos a prepararnos a partir da segunda avaliación.