tecnoloxia.org

Tecnoloxía na Educación Secundaria

Mapas de karnaugh no teu móbil android

Xenial Karn Map! unha aplicación educativa que permite simplificar funcións lóxicas mediante mapas de karnaugh, obter a táboa de verdade elixindo min-terms ou max-terms ou debuxar o seu esquema electrónico.

Pode serlle moi útil ao alumnado para corrixir os exercicios de electrónica dixital, ou se non os pillamos, para usar de chuleta nos exames ;-)

Para un nivel máis avanzado, DSLab UAM ofrécenos ademais outras interesantes aplicacións: Combinational Circuits, con exercicios de electrónica combinacional, e Sequential circuits, con exercicios de electrónica secuencial.

(Atopeino en twitter grazas a Pedro Landín)

Logic Beach

Un polbo está na area da praia de Rodas e vai quedar seco. Axúdao a meterse na auga acertando todos os valores das saídas das portas lóxicas que ves en pantalla. Tes un límite de tempo de 30 segundos. Se fallas, morrerá!

Este pequeno xogo está feito utilizando Scratch, interesantísima plataforma de programación coa que se poden crear facilmente xogos, animacións, historias ou simulacións.

No vindeiro Congreso de Software Libre para Educación (1 e 2 de xullo) presentaremos unha web con material en galego para aprender a programar en Scratch.  Proximamente teredes máis noticias.…

CircuitLab: Simulador de electrónica online

Decateime da existencia do editor/simulador de circuítos electrónicos CircuitLab esta mañá a través dun tuit de slandete, así que pouco tempo tiven para fozar nel. Con todo, paréceme unha aplicación estupenda, pois a interface gráfica é moi atractiva e intuitiva, polo que me parece moi axeitada para os niveis de educación secundaria, especialmente para bacharelato.

Neste vídeo podes ver como funciona:
[youtube: Getting Started with CircuitLab]

Como puidestes ver no vídeo, CircuitLab permite construír circuítos analóxicos e dixitais, cambiar os datos dos compoñentes, calcular as tensións de saída para un compoñente determinado ou observar o sinal do osciloscopio. Outro aspecto interesante é que se poden compartir os esquemas co resto de usuarios e usuarias.

Un dos inconvenientes é que a listaxe de compoñentes é limitada, e algúns bótanse moito en falta.

Aquí tes un dos circuítos que veñen de exemplo:

Desde logo que é unha sorte contar con este tipo de aplicacións que se executan desde o navegador, e non andar a depender de instalacións de escritorio deseñadas para un determinado sistema operativo (sexa cal sexa). Lembrádevos por exemplo de Logic-Lab ou de logic.ly dos que falei hai tempo.

Cada vez hai máis aplicacións online para facer de todo. Agora só falta unha aposta clara para mellorar a conectividade dos centros de ensino galegos, moitos cun ancho de banda que provoca desacougo, coma é o noso caso.…