Mascando plástico

Cando vos metedes un chicle na boca, non facedes outra cousa que mascar un plástico ao que se lle engaden unha serie de edulcorantes, aromas e colorantes.

Un dos polímeros plásticos máis utilizados para a elaboración de chicles é o acetato de polivinilo (PVA) que tamén é o compoñente principal da cola branca para a madeira, algunhas pinturas e adhesivos.

Orixinalmente utilizábase como base a savia gomosa natural da árbore Manilkara zapota, pero hoxe en día os polímeros plásticos sintéticos constitúen a base da práctica totalidade dos chicles que se comercializan.

Neste vídeo podes ver o proceso de fabricación da goma de mascar:

[youtube: Cómo lo hacen. Goma de mascar]

 

Calcúlase que a nivel mundial as persoas mascan unhas 560.000 toneladas de chicle ao ano.

Pensade que se trata dun polímero plástico sintético que non é biodegradable, polo que se o tirades ao chan vai quedar alí para sempre a non ser que se limpe,  tarefa que non é nada fácil e que fai gastar aos concellos miles de euros en limpeza.

Non vos parece unha porcallada atopar as rúas cheas de chicles pegañentos?


Os plásticos

Nestes vídeos explican de xeito ameno e sinxelo que son os plásticos, tipos e características, como se fabrican, métodos de conformación (vemos os procesos de extrusión, inxección, soprado, etc) e as súas aplicacións.

[youtube: Lista de reprodución – Plásticos (2 vídeos)]

Neste vídeo de Discovery Channel podedes ver como se fabrican as botellas de plástico PET (polietileno tereftalato):

[youtube: Cómo se hacen las botellas de plástico]

E tamén son interesantes as animacións de procesos industriais de CDP (Centre de développement pédagogique pour la formation générale en science et technologie)

Para ver outras animacións vai a Industrial processes

E se todo isto paréceche aburrido, sempre podes entreterte estoupando esta lámina de polietileno con burbullas de aire. (Vía: tecnologiahabitual)

[papel bolha]

E aquí tedes unha máquina de fabricar papel burbulla

[youtube: Maquina De Bolsas Para Relleno Pillow Pak’r]


Pontes de plástico

Se te lembras do que estudamos outros anos, a resistencia dunha estrutura depende da súa forma, da disposición e perfil dos seus elementos e do material coa que está construída.

O que non é nada habitual é utilizar o plástico como material para estruturas que se van someter a elevadas cargas, pero o exército dos EEUU acaba de construír e probar unha ponte de plástico reciclado que é capaz de soportar cargas superiores a 70 toneladas.

Pódelo ver neste vídeo:

[youtube: VID00004]

Aínda haberá que investigar máis para poder construír pontes de plástico de forma xeralizada, pois deben ser moi seguras e fiables. A Universidade de Rutgers xa leva tempo traballando no reciclado de plásticos para a obtención de novos materiais estruturais que poidan substituír outros utilizados habitualmente.

Repasando as propiedades dos plásticos e os ensaios mecánicos:

  • Que vantaxes lle ves respecto a outros materiais como a madeira, o aceiro ou o formigón?
  • Cales son os principais inconvenientes ou problemas a resolver?
  • Aparte da proba de carga do vídeo, que outros ensaios conviría facer?

(Visto en alt1040.com)


Vasoira feita con botellas de plástico

vasoiraEn recicloteca explícannos como facer unha vasoira reciclando botellas de PET, un plástico que presenta unha alta resistencia ao desgaste.

Necesitas 18 botellas de dous litros, unhas ferramentas e pouco máis para fabricar unha vasoira que non ten nada que envexar ás vasoiras comerciais.

Podes ver aquí as instrucións.

(Vía: Ecoinventos)

Actualización: Neste vídeo podes ver o proceso de fabricación das botellas de PET.

Hai algún que outro erro (como en case tódolos vídeos de Discovery Channel), o ensaio de compresión non mide a dureza, como din, senón a resistencia á compresión. Para medir a dureza existen outros ensaios (Brinell, Vickers, …)