Xogos con portas lóxicas

Como seguro que despois destas vacacións xa vos esquecestes das portas lóxicas, aquí van uns xogos para facer memoria. Atopeinos en tecnoTIC.

Grow the robot:

Debes conectar os fusibles nas portas lóxicas para proporcionar enerxía á cámara e facer que o robot medre. O número de fusibles é limitado, así que pensa ben onde colocalos para non desperdicialos. Se o robot non medra o suficiente non poderá defenderse ante as adversidades.

growtherobot.jpg

Grodbots:

Debes descargar o xogo (.jar) e logo guiar un robot ata un pastel para pasar de nivel. Nos primeiros niveis non necesitas portas lóxicas, senón que chega con unir cada cor coa acción correspondente. Máis adiante terás que utilizar diferentes portas lóxicas para programar o movemento do robot e conseguir que chegue ao seu obxectivo.
Tamén podes empregar un editor gráfico para deseñar o teu propio conxunto de niveis.

grodbots_screenshot.png

Gate:

A túa tarefa consiste en examinar distintas rexións de Marte cun robot dotado de propulsores para moverse e bumpers para detectar obstáculos. Debes deseñar os circuítos de control que permitan navegar por cada zona e alcanzar o obxectivo. Podes descargar o xogo para Mac ou para Windows.

gate_screenshot3.jpg

Podes consultar aquí máis anotacións sobre electrónica dixital


Simplificación por Karnaugh e simuladores dixitais online

Agora que andamos a voltas coa electrónica dixital en 2º de Bacharelato, pásovos unhas aplicacións que vos poden axudar.

Karnaugh Map 1.2 é unha sinxela aplicación para simplificar funcións lóxicas por Karnaugh. Tedes que introducir os valores da saída na táboa de verdade e o programa dános a función simplificada. (funciona para windows XP)

kmapfull.gif

Algo máis completo é Boole-Deusto, xa que ademais de simplificar a función a partir da táboa de verdade dános o circuíto lóxico e a implementación con portas NAND e NOR. Resulta algo farragoso traballar con el, pero temos as solucións completas dos exercicios (sempre e cando a táboa de verdade estea ben feita, claro)

boole_deusto.png

Para obter a función lóxica dun circuíto dixital hai unha aplicación online moi sinxela: Logic Circuit Test. Só hai que dibuxar o circuíto, e xa temos a táboa de verdade correspondente.

logic_circuit_test.png

Para simular circuítos podemos utilizar moitas aplicacións, como o crocodile technology, que xa coñecedes, ou o Electronics Workbench.

Se os circuítos son sinxelos e non queremos complicarnos podemos recorrer a simuladores online.

The Logic Lab é un vistoso simulador online moi doado de manexar. Permite gardar os circuítos para seguir editándoos.

logiclab.jpg

Tamén podedes probar Logicly.

logicly.jpg

Tamén hai simuladores de construción real de circuítos. A verdade que a min dáme máis traballo simular a construción que construír o circuíto nunha protoboard, pero por se a alguén lle interesa existe unha aplicación que simula unha protoboard coas súas entradas e saídas e onde conectamos as portas lóxicas reais: Simulador TTL con Escenarios
Tamén podemos descargar un titorial e varios circuítos de exemplo.

simulador_real.jpg

Todo isto é para axudaros a entender as cousas, pero lembrade que a selectividade e as probas de acceso a ciclos fanse aínda con papel e boli, así que non deixedes de practicar coa clásica ferramenta de escritura.

Podes ver aquí máis anotacións sobre electrónica dixital


Namorados electrónicos

segueluz.jpgUn xeito de facer luces intermitentes é mediante un multivibrador astable con transistores. Témolo utilizado nalgún proxecto para engadirlle efectos luminosos, como por exemplo neste robot seguidor de luz no que as autoras engadiron un leds decorativos.

Hoxe atopei unha simpática aplicación deste circuíto multivibrador. Trátase de dividir o circuíto en dúas partes simulando dúas “persoas”. No intre en que unen os seus brazos os LEDs comezan a latexar. Moi apropiado para o día dos namorados.

Aquí tedes dous vídeos:

[youtube: Lista de reprodución multivibrador]

O circuíto utilizado é:
led_people_schematic.jpg

Fixádevos en que a terra ten que ser común. No primeiro vídeo utilízase papel de aluminio como terra. No segundo vídeo non se ve moi ben, e pode ser que estean unidos os bonecos mediante un cable.

(Visto en Make)


Laranxas para cargar a batería dun iPhone

Algunha vez temos feito en clase o experimento de acender un LED cun limón, e hai tempo faleivos da escultura de patacas de Kristof Kintera.

Pois hoxe temos un cargador para o iPhone feito con 2.380 anacos de laranxa:


[youtube: Orange Fruit Batteries Power An iPhone]

Non se trata de conectar en serie as laranxas sen máis. Para cargar a batería dun iPhone temos que acadar unhas voltaxes específicas en cada cable do conector:

conector_iphone.png
terra=0V, D+=2V, D-=2.5V e V+=5V.

Así que cómpre facer os cálculos e medidas necesarias para lograr eses valores coas laranxas.

Andar con laranxas é bastante engorroso, así que se non temos cargador sempre podemos recorrer á electrónica, como nos explican en raton.cl. Alí móstrannos uns sinxelos circuítos para cargar o iPhone cun conector USB (usa asociación de resistencias como divisoras de tensión) ou co conector do coche (utiliza un regulador de tensión).

cargador_iphone2.pngcargador_iphone1.jpg


Simulador de circuítos en Java

Para traballar na ESO non hai simulador de electrónica mellor có crocodile technology, anque tampouco hai que desprezar outros.

Hoxe atopei en make un simulador de circuítos en Java. Arríncase nunha fiestra do navegador e contén moitos circuítos de exemplo co seu correspondente sinal no osciloscopio.

java_circuit_simulator.jpg

Para interactuar cos interruptores, sinais lóxicas, etc só hai que clicar neles.
Pódense cambiar os valores dos compoñentes facendo clic co botón dereito sobre cada elemento e seleccionando “editar”.

Ir á web do simulador

(Visto en Make)