Soundmachines

Este interesante instrumento de música electrónica pode servir de idea para un proxecto de tecnoloxía.

[Soundmachines from The Product on Vimeo.] (Visto en TheProduct)

Habería que construír uns discos xiratorios e instalar uns sensores de luz ou de cor. O sinal recibido polos sensores enviaríase a unha controladora arduino ou lego e mediante un programa asignaríanoslle un son a cada valor de entrada, producindo música electrónica. Para un mellor resultado habería que pedirlle prestado o amplificador ao profe de música :-)

Aí queda como idea!


Danza contemporánea con robots de Blanca Li

Non é a primeira vez que vemos robots actuando en espectáculos de danza e teatro, e tampouco será a última. A comunicación humano-máquina é un tema que dá para moito, e parece que a coreógrafa Blanca Li sabe aproveitalo ben introducindo instrumentos musicais robóticos de Maywa Denki e varios robots NAO de Aldebaran Robotics no seu espectáculo de danza contemporánea.

Encantaríame velo!

[Robot! (extraits) Compagnie Blanca Li from Blanca Li on Vimeo]

Visto no telexornal da TVE:
[TVE: La coreógrafa Blanca Li crea una orquesta donde los músicos son máquinas y los bailarines robots]


Smart Trashbox: A papeleira intelixente

Xa temos a solución á falta de limpeza nos colexios e institutos, cuxos chans vemos sempre ateigados de papeis engurrados e de envoltorios de larpeiradas: Smart Trashbox, unha papeleira que persegue os obxectos que se dirixen cara ela, facendo que os tiros sempre atinen no seu interior.

A papeleira utiliza kinect para realizar un escaneo da habitación. Cando detecta un obxecto en movemento no aire, calcula a súa posición, velocidade e punto de caída aproximado, e comunica estes datos á papeleira, que se moverá cara ás coordenadas calculadas para intentar atrapalo.

No seguinte vídeo tes o anuncio no que se inspirou o autor, o proceso de deseño e fabricación, e verás a papeleira en acción a partir do minuto 2:25.

[youtube: Smart Trashbox] (Visto en: kirainet.com)

O malo de implantar un sistema así nas aulas dos institutos é que non contribuiría a educar ao alumnado.

Temos outro modelo de papeleira robotizada, pero neste caso non se encarga de recoller o lixo, senón en pedirnos educadamente que o recollamos. Cando a papeleira-robot, despois de pasearse dun lado a outro da habitación, atopa algo de lixo, o que fai é dirixirse cara os humanos e inclinar o corpo ante eles pedindo axuda para recoller os desperdicios.

A papeleira en cuestión chámase Sociable Trash Box, e representa un novo concepto de robótica: Os robots non se deseñan para axudar aos humanos, senón que son os robots os que necesitan a axuda das persoas para lograr o seu cometido. Aquí o importante é a capacidade dos robots de comunicarse coas persoas, a súa sociabilidade.

[youtube: Sociable Trash Box] (Visto en: nippon.com)

De tódolos xeitos, como non dispoñemos destes robots, non queda outra que tirar os papeis ás papeleiras intentando ter boa puntería, e recolléndoos cando non fagamos canasta.


InFORM: Interface 2,5D

Velaquí un interesante proxecto do MIT Media Lab: INFORM, unha táboa que crea formas 2,5D como imitación a outras formas mediante o movemento dunha serie de columnas. É 2,5D e non 3D, pois reproduce 2 + 0,5 dimensións e non obxectos tridimensionais completos.

[youtube: inFORM: New 2.5D Interface AMAZING the future is NOW]

(Visto en: interestingengineering.com)


A impresora 3D capaz de imprimir edificios

Sen dúbida, é o momento das impresoras 3D, que están a revolucionar a fabricación de obxectos. As impresoras 3D son máquinas capaces de crear pezas volumétricas a partir dun deseño feito por ordenador superpoñendo capas de material.

O revolucionario do tema é que os consumidores temos a oportunidade que fabricar os nosos propios produtos, cousa que ata agora estaba reservada ás fábricas. Se dispoñemos dunha impresora destas podemos fabricar calquera pequeno obxecto de uso cotiá, máis ou menos personalizado, producir unha peza estragada que non atopamos no mercado ou deseñar e construír as formas que imaxinemos. Hai tempo falabamos aquí de como montarse unha para un centro de ensino.

Porén, cando se fala de impresión 3D non debemos pensar unicamente en pequenos obxectos de plástico. Tamén é posible imprimir edificios!

Iso é o que están a probar na University of Southern California cunha impresora 3D xigante que bota chorros de formigón seguindo un patrón deseñado por ordenador, e aseguran que pode construír unha vivenda en 24 horas. Supoño que se refiren só a estrutura, pois unha vivenda non consta unicamente de paredes e hai que contar coas instalacións eléctricas, de auga, saneamento, calefacción, etc. que levan máis tempo.

A tecnoloxía chámase Contour Crafting, e pode revolucionar a industria da construción ao permitir automatizar o proceso, abaratando custos. O robot encargaríase de construír a estrutura, deixando para os humanos o traballo fino das instalacións. Ademais, a técnica de impresión permite construír formas creativas e exóticas que polos medios tradicionais sería moi difícil facer, polo menos sen dispararse o orzamento.

Nestes vídeos podes ver como é o proceso:

[youtube: Why Design Now?: Contour Crafting]

[youtube: Animation of Contour Crafting in whole house construction (high res)]

 

Máis información: contourcrafting.org

Visto en:  innovation.uk.msn.com