Comezar con Ubuntu

carousel-book.pngA verdade é que Ubuntu é tan intuitivo e doado de manexar que non fai falta para nada un titorial para comezar a traballar con el. Chega con poñerse a fedellar nos menús e facer as cousas habituais para que en moi pouco tempo nos pareza que levamos con este sistema operativo toda a vida. E cando hai algo que non sabemos facer, non hai mellor cousa que buscar en google: en internet aparecen tódalas respostas. Se non necesitastes ningún manual para usar windows, linux non ía ser menos.

De tódolos xeitos, se hai alguén que non se atreve a aventurarse con Ubuntu sen axuda, temos á nosa disposición o manual “Comezar con Ubuntu“, unha guía para principiantes, en galego, que pode axudarnos coa instalación e a realizar as tarefas diarias como navegar pola rede, escoitar música, clasificar os arquivos, etc.

Animádesvos?

Ligazóns:


Que é o software libre?

soft_libre.gif
(Imaxe by Néstor Alonso)

O luns escoitei no instituto “O software libre é software gratuíto”. Supoño que haberá moita xente que pense isto, xa que en inglés free significa tanto libre como gratis, pero é unha incorrección. Tanto pode haber software libre que se distribúa cobrando certa cantidade de cartos como software privativo que sexa de balde, así que non debemos relacionar directamente libre con gratis.

O software libre refírese á liberdade dos usuarios e usuarias para executar, copiar, distribuír, estudar e modificar o software, e distribuílo modificado. É dicir, é unha cuestión de liberdade, e non de prezo.

Que significan estas liberdades?

1. Podemos utilizar o software con calquera propósito

Por exemplo, hai software que permite o seu uso gratuíto sempre e cando sexa para uso persoal, pero non permite a súa utilización sen licenza nunha empresa con fins comerciais. Este software xa non sería libre, pois xa non cumpriría a primeira condición.

codigofonte.png2. Acceso ao código fonte para estudar como funciona o programa e/ou para adaptalo ás nosas necesidades.

Podemos atoparnos con software que podemos descargar de balde e utilizalo para o que desexemos, pero se non podemos acceder ao código xa non se trataría de software libre, pois incumpriría a segunda condición.

3.Liberdade para distribuír copias.

opensource.pngCirculan por alí e por alá miles de copias de programas que nos pasamos entre nós, moitas conseguidas de internet. Pero que esteades acostumados a facer iso non significa que teñades a liberdade de facelo. O software privativo non o permite, e sería un acto ilegal, pero o software libre si, vas ter a liberdade de distribuír os programas a quen queiras, cando queiras e como queiras. Non só non te poden dicir nada por facelo, senón que se invita a que o fagas, e incluso poderías distribuílo cobrando unha pequena tarifa, xa que non ten por que ser necesariamente gratuíto.

4.Liberdade para mellorar o programa e facer públicas as melloras en beneficio da comunidade.

Isto está relacionado co dito anteriormente, pois necesitamos acceder ao código e ter liberdade para modificalo e distribuílo. Aquí o importante é o beneficio para a comunidade. Calquera persoa con coñecementos suficientes pode contribuír a que a sociedade dispoña de produtos de software libre cada vez mellores.

Outros tipos de software

Software de código aberto: Soe utilizarse esta expresión para referirse ao software libre, xa que o código fonte é accesible. Porén, pode haber diferenzas en canto as licenzas utilizadas para a súa distribución. As diferenzas entre software libre e de código aberto teñen máis que ver coa filosofía que coa práctica.

Software privativo ou propietario: O seu uso, redistribución ou modificación requiren dunha autorización, ou o código non está dispoñible.

Freeware: É un tipo de software que se distribúe sen custo algún para o seu uso. Soe ser software privativo e non soe ser posible acceder ao código fonte.

Software de dominio público: É o software que non está protexido por dereitos de autor e tódalas persoas teñen dereitos de uso, modificación (no caso de que estea dispoñible o código fonte) e distribución.
Ao non estar protexido por unha licenza copyleft, non cómpre que se distribúan as modificacións baixo a mesma licenza, e polo tanto pode suceder que as obras derivadas se convertan en software privativo.

Software comercial: É aquel desenvolvido por un negocio que pretende obter un beneficio económico da súa utilización. Aínda que a maioría do software comercial é privativo, non son o mesmo, pois pode haber software libre comercial e software privativo non comercial.

Para rematar, tes isto recollino neste mapa conceptual que podes descargar para modificalo:

map-gl-500.png

E tamén este vídeo:

[youtube: software libre]


Conversor de .docx a .doc

convert_docx-doc.jpgSempre recomendo usar Open Office, pero máis dunha vez chega alguén cun traballo feito na casa en formato .docx de Microsoft Office 2007 e non pode abrilo.

Pódese solucionar con este conversor de .docx a .doc

Non precisa rexistro, nin dar o noso e-mail, nin nada. Só hai que subir o arquivo .docx, darlle a converter e Listo!


OpenOffice 3.2 en galego

oologo3.jpgXa podedes descargar a versión 3.2 de OpenOffice en galego.

Entre as novidades destaca a súa maior velocidade de funcionamento respecto ás versións anteriores.

Aquí tedes as ligazóns directas (arquivos executables):

Para outros sistemas operativos e idiomas vai á páxina oficial.

(Visto en g11n.net)


Camiseta aumentada

Había tempo que non falaba da realidade aumentada, xa pasado o flipe inicial con esta nova tecnoloxía que non deixa de reproducirse, pero hoxe atopei unha nova e curiosa aplicación de t-post: unha camiseta interactiva coa que podes xogar a pedra, papel e tesoira.

tr1.jpg

Leva impresos uns debuxos en branco en negro do máis inocente, pero cando te colocas diante do ordenador e da cámara web unha man en 3D sae da camiseta e e ponse a interactuar contigo.

Aquí tes un vídeo:

[youtube: Augmented Reality T-shirt]

Se non tes a camiseta tamén pódese probar a aplicación coa versión para imprimir.

Supoño que despois dun rato resultará aburrido xogar a pedra, papel e tesoira contigo mesma, pero non deixa de ser orixinal, e incluso dá algo de mal rollo ver unha nova extremidade saíndo do peito.

(visto en designboom)

Podes ver aquí máis anotacións sobre Realidade Aumentada