Hoxe pola mañá estiven a seguir por streaming a Xornada Aumentame 2012, da asociación Espiral, que pretende converterse nun punto de encontro para o intercambio de ideas, experiencias, proxectos e novidades sobre a Realidade Aumentada en Educación.
Entre os relatorios da xornada é de destacar o traballo do alumno de 2º de bacharelato Víctor Valbuena do IES Vilatzara de Vilassar de Mar (Maresme), cuxo obxectivo final é conseguir unha agrupación de exercicios de axonometría acompañados das súas respectivas representacións tridimensionais en realidade aumentada para que a súa percepción espacial sexa sinxela.
Para probar a aplicación só necesitas entrar na páxina A-RA! Axonometría, imprimir o marcador, conectar a cámara web dirixíndoa cara ó marcador impreso e navegar polas distintas seccións para ver as figuras en 3D.
Había tempo que non falaba da realidade aumentada, xa pasado o flipe inicial con esta nova tecnoloxía que non deixa de reproducirse, pero hoxe atopei unha nova e curiosa aplicación de t-post: unha camiseta interactiva coa que podes xogar a pedra, papel e tesoira.
Leva impresos uns debuxos en branco en negro do máis inocente, pero cando te colocas diante do ordenador e da cámara web unha man en 3D sae da camiseta e e ponse a interactuar contigo.
Supoño que despois dun rato resultará aburrido xogar a pedra, papel e tesoira contigo mesma, pero non deixa de ser orixinal, e incluso dá algo de mal rollo ver unha nova extremidade saíndo do peito.
Internet e a información existente na rede rompen a barreira do virtual e comezan a introducirse no mundo real como un elemento máis do noso entorno. A rede evoluciona máis alá do ciberespazo, de xeito que xa podemos acceder á información que queiramos en calquera momento e en calquera lugar, superpoñéndoa aos obxectos físicos que temos diante dos nosos ollos.
Isto é posíbel grazas á realidade aumentada, que está entrando con forza en múltiples e variadas aplicacións.
Para conseguir a realidade aumentada necesitamos:
Unha cámara de vídeo conectada a un ordenador, ao teléfono móbil ou a calquera outro dispositivo portátil.
Un dispositivo de saída como poden ser un monitor, gafas de realidade virtual, pantalla do móbil, etc.
Unha CPU que analice e procese os datos
Outros dispositivos, segundo a aplicación a desenvolver: GPS, compás, acelerómetro, etc.
Software
A cámara capta imaxes da contorna real e envíaas á CPU, que se encarga de analizalas e procesalas segundo as instrucións do software instalado. Estas imaxes poden compararse con algunha base de datos existente ou coa información de internet. Feito isto, o ordenador superpón información dixital ás imaxes captadas e envía o contido resultante á pantalla.
Aquí hai algúns exemplos:
Identidade aumentada:
Augmented ID é un sistema que visualiza as identidades dixitais das persoas que se reúnen na vida real. Cun dispositivo móbil e software de recoñecemento facial, Augmented ID permite acceder a información sobre as persoas que tes arredor, como o seu perfil nas redes sociais, o seu sitio web, ou calquera ligazón á web social que o usuario faga pública para o sistema.
Hai aplicacións para móbiles que engaden ás imaxes reais de lugares unha serie de ligazóns e información extraída en tempo real da web. Funcionan determinando a posición do teléfono a través de GPS e a orientación do mesmo grazas ao compás do dispositivo e, segundo estes datos de localización, o programa intúe que edificios ou sitios de interese ten o usuario xusto enfronte o teléfono, aportando información sobre os mesmos. Ten aplicacións de información turística, localización de estacións de transporte público, localización e información sobre vivendas de aluguer ou venda, etc.
Hai varios sistemas. Para os terminais co sistema operativo Android temos Layar, que é unha aplicación que se basea no posicionamento do móbil, wikitude, unha guía para viaxes e turismo que utiliza mapas, vídeos e contidos informativos da Wikipedia, ou enkin, que incorpora datos de negocios, lugares e edificios extraídos de servizos como Google Maps.
Hai quen se fai un lío cos paneis informativos do metro en grandes cidades, e pode ser que a partir de agora sexa máis doado. Nearest Tube é unha aplicación para iPhone 3GS que incorpora información do metro de Londres sobre o vídeo captado, indicándonos a dirección que hai que tomar para acceder ás distintas liñas de metro, as paradas que hai ou a que distancia están.
Son moitos os miradores que atopamos cando imos de viaxe a coñecer lugares. Desde eles temos unhas impresionantes vistas de montañas e cidades, pero en moitas ocasións non é doado identificar o que vemos ou localizar determinados lugares, pois os mapas panorámicos de información (cando existen) en ocasións non ofrecen toda a información que nos gustaría.
A realidade aumentada pode mellorar isto mediante especiais prismáticos que capten en tempo real a imaxe que estamos vendo e sobreimpresionen nela textos, audio, fotos, vídeos, etc. Iso é o que fai unha aplicación de themovie.
Realidade aumentada nos museos:
A realidade aumentada permite aos museos ofrecer información actualizada e contextualizada nos diferentes espazos. Xa non nos fará falta o audífono que soen repartir en moitos museos, xa que mediante a captura de imaxes mediante o dispositivo móbil podemos obter información sobre as diferentes obras que imos vendo.
Pero non todo quédase en obter información. A realidade aumentada pode constituír a propia exhibición do museo, como é o caso da actual mostra de dinosaurios que se está a exhibir en Xapón.
Paréceme destacable neste sentido o traballo de Escultura Aumentada do artista Pablo Valbuena.
A realidade aumentada pódese aplicar tamén ao son, e non só ás imaxes.
Un exemplo é d-touch drum machine, unha máquina de percusión que capta a posición dunha serie de obxectos sobre unha plantilla e tradúceos en sons segundo o lugar que ocupen.
Eu probeino, pero parece que a versión actual dá problemas coas cámaras logitech, así que esperarei á unha nova versión, ou a versión para linux, na que están a traballar.
Outra aplicación para son é Shazam, que funciona con móbiles android e que permítenos a través do micrófono recoñecer a canción que estamos escoitando, e dinos o grupo, o disco ao que pertence, etc…
Ceo aumentado:
Coa aplicación Google Sky Map, os usuarios de móbiles con android poden situar a posición das estrelas e constelacións en tempo real e no lugar onde se atopen, podéndose observar así as estrelas ao descuberto e saber cal é o nome de cada unha delas.
E haberá máis:
Hai moitos máis exemplos de aplicacións que se están a desenvolver, e isto só acaba de empezar. Nos vindeiros anos xa veredes como irán aparecendo cada vez máis e máis utilidades que mesturan o mundo real e o virtual.
A realidade aumentada está a se facer cada vez máis sitio no noso mundo, máis alá das aplicacións de ocio.
Un exemplo disto témolo en Glasses Direct, tenda de gafas que permite aos visitantes probarse en liña os distintos modelos.
Para probarte as gafas cómpre descargar unha aplicación desde video-mirror (só funciona en windows). Despois de conectar a cámara web e marcar unha serie de puntos de referencia no teu rostro xa podes ver como te quedan as gafas de mostra.
Como ves, esta vez non temos que imprimir ningunha plantilla para superpoñer unha imaxe virtual nunha real, pois a aplicación combina tecnoloxía de realidade aumentada con captura de movemento, encargada de almacenar dixitalmente os movementos.
Se non tes cámara web non te preocupes, xa que tamén podes probarte gafas utilizando unha fotografía. Pódelo facer en virtual mirror.
E a cousa non se queda nas gafas. Dáche preguiza andar a vestirte e desvestirte para probarte roupa nas tendas? Non te preocupes, que xa empezan a existir comercios que ofrecen un probador on-line:
Até agora os exemplos de realidade aumentada que fun vendo só permitían a visualización dun modelo no noso escritorio, pero hoxe descubrín unha aplicación para realizar animacións con AR: Living Sasquatch. Neste caso as persoas usuarias actuamos coma guionistas e editoras.
Podes elixir entre 35 animacións diferentes e engadilas a un rexistro de tempo arrastrando e soltando, e pódense engadir “bocadillos” para que o noso feo protagonista se comunique mais alá dos gruñidos.
Unha vez creadas as curtas de animación podes publicalas na galería de livingsasquatch.com ou envialas a quen queiras.
Aquí tes un vídeo no que se amosa a forma de proceder.