Resolto o concurso de cartaces para as VIII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia

O cartaz gañador é o realizado por Cristina Iglesias, alumna de 4º de ESO do IES “Fermín Bouza Brei” de Vilagarcía de Arousa.

Podes ver en Flickr a galería de traballos presentados

Grazas ó alumnado do IES Primeiro de Marzo por participar. Outra vez será.

(fonte: apetega)


50 anos de LEGO

Hoxe hai 50 anos que se rexistrou a patente de LEGO. Dende aquela xa se fabricaron máis de 400.000 millóns de ladrillos.

O material:

A empresa empezou fabricando as pezas de madeira, pero pronto pasouse ó plástico. Inicialmente optou por utilizar acetato de celulosa. Debido ós problemas de deformación e inestabilidade dese material, en 1963 empezou a utilizar ABS (acrilonitrilo butadieno estíreno), máis resistente e inocuo.

Podes ver aquí unha animación do proceso de fabricación dos ladrillos LEGO:

fabricación

A estrutura:

A resistencia dos ladrillos non só ten que ver co material utilizado, senón tamén coa súa estrutura. A introdución dos perfís circulares no seu interior evita o arqueo e tamén mellora a capacidade de suxeición das pezas.
ladrillos

Movemento e automatización:

Ata 1974 as construcións eran completamente estáticas. A partir de entón a empresa incorpora engrenaxes, pancas, eixes e rodas, o que permitiu a construción de todo tipo de sistemas mecánicos.
En 1986 introducen compoñentes pneumáticos e en 1998 LEGO saca ao mercado o primeiro robot Lego Mindstorms, que permite a construción de sistemas integrados con partes electromecánicas controladas por ordenador.

robot

Creatividade:

LEGO, pola súa versatilidade, é utilizado para a construción de infinidade de obxectos. Podes ver aquí unha galería de obxectos fabricados con LEGO ou inspirados nel.


Espertadores eficientes

A tecnoloxía é o campo da actividade humana que responde ó desexo de transformar o mundo que nos rodea na procura de novas formas de satisfacer as nosas necesidades. Cando temos unha necesidade, ideamos, deseñamos e creamos un produto ou servizo que nos permita solucionar o problema inicialmente plantexado.

Existen infinidade de exemplos de múltiples solucións posibles a un mesmo problema ou necesidade. Vou poñer un exemplo de deseño de espertadores, que vai dedicado a todas aquelas persoas ás que lles custa levantarse polas mañás, eu incluída. (grazas a “no puedo creer que lo hayan inventado” pola recompilación de inventos gueeks, frikis e variopintos)

A necesidade:
O espertador clásico non me vale, xa que estiro o brazo, apágoo, e sigo durmindo. Necesito un espertador que me faga levantar e, o máis importante, espabilar.

As solucións:
Nesta galería podes ver algúns deseños, todos coa mesma intención: Nada de apagar o espertador sen máis, deberás agudizar os sentidos e poñerte en marcha.

Ocórreseche algún outro sistema para incorporarlle a un espertador e que nos faga espabilar?


Gravación e reprodución de música

musicaA tecnoloxía cambia as nosas vidas a unha velocidade vertixinosa. Un exemplo moi claro é a música.

Os da miña quinta coleccionabamos cintas de cassette e cando os cartos o permitían engadiamos un novo LP á colección. O rebobinado con boli bic e o “chis chis” do tocadiscos hai tempo que non forman parte das nosas vidas, pero a gravación e reprodución de música ten só 130 anos de historia.

fonógrafoO primeiro trebello que se inventou capaz de gravar e reproducir son foi o fonógrafo. Inventouno Thomas Alba Edison en 1877.

Utilizaba un sistema de gravación mecánica analóxica no cal as ondas sonoras transformábanse en vibracións mecánicas mediante un transductor acústico-mecánico. As vibracións moven unha agulla que labra un surco irregular nun cilindro de cartón recuberto de estaño, cuxo eixe está roscado para proporcionarlle un desprazamento lateral.

Para reproducir o son outra agulla segue os surcos marcados no cilindro e transmite esas vibracións ó diafragma dunha bocina, que as converte en ondas sonoras.
fonógrafo

Podes ver unha animación en www.ieee-virtual-museum.org e en “retrospectiva del sonido” podes atopar algo de historia sobre estas “máquinas parlantes”.

A cousa foi evolucionando a partir de aí: o gramófono, o tocadiscos, o cassette, o reproductor de CD, e agora os mp3. Que virá proximamente?

Propoño unha tarefa de procura de información en internet: investiga cómo funciona un calquera deses trebellos e elabora un traballo no que se explique cómo grava e reproduce son .


Tradutores

tradutorHoxe recibín unha mensaxe dun profesor de tecnoloxía que vive en Granada. Dicíame que lle gustaba moito a web, pero que ó estar en galego non podía utilizala cos seus alumnos.

Eu anímolle a toda a xente que non sexa galega que probe a lectura, pois creo que non é tan difícil de entender. Eu moitas veces levo ós meus alumnos e alumnas a páxinas escritas noutros idiomas. Non é o mesmo que se estivesen en galego, pero valen perfectamente, especialmente se se trata de páxinas con contidos interactivos, pois soen ser bastante intuitivas.

O idioma non pode ser unha barreira, e hai moitos tradutores automáticos en Internet que as eliminan:

Para as linguas do estado está moi ben opentrad. Permíteche a tradución de textos en lingua galega, catalana e castelá. Ten a utilidade de poder navegar por unha web con traducións. Por exemplo, podedes navegar por tecnoloxia.org en lingua castelá.

Outra utilidade interesante é traducíndote, do IES Chan do Monte (Pontevedra), que é un tradutor de documentos de OpenOffice Writer.

Para moitos máis idiomas está google translate.

Eu a verdade é que boto de menos máis material en galego na rede, non vos pasa?.

wikipediaUnha actividade interesante para traballar co alumnado é participar na galipedia publicando artigos de tecnoloxía en galego. Ademais de entender o que é un wiki e aprender a utilizalo, aprenden tecnoloxía ó elaborar artigos desta temática, e contribúen a mellorar a presenza do galego en internet. 3 en 1.