Guía didáctica

Nesta sección se introducen os conceptos básicos de electricidade. A finalidade é que o alumnado sexa capaz de interpretar esquemas eléctricos e deseñar circuítos para os seus proxectos.

Nivel:

O nivel é inicial. Algúns contidos pódense impartir en 2º de ESO (nivel 1) e outros en 3º de ESO (nivel 2), aínda que cómpre neste curso realizar un repaso dos contidos elementais vistos en cursos anteriores. Moitos destes contidos estaban feitos para 1º de ESO, curso no que desapareceu a tecnoloxía tras a reforma da LOE, así que pode resultar un nivel baixo para 2º de ESO, especialmente as propostas de proxectos.

Recursos:

Recoméndase utilizar como recurso adicional un programa de simulación de circuítos eléctricos e electrónicos.

Actividades:

Inclúense en cada sección unha serie de actividades no ordenador coas que se pretende que o alumnado repase os contidos tratados, especialmente no referente a:

  • Asimilación dos conceptos básicos sobre a natureza da electricidade, magnitudes eléctricas, e circuítos.
  • Identificación dos compoñentes, co seu símbolo eléctrico correspondente.
  • Identificación das patillas dos diferentes elementos de manobra para poder conectalos correctamente en montaxes prácticas.
  • Elección dos compoñentes máis axeitados para unha montaxe determinada.

Prácticas e proxectos:

Resulta imprescindible a realización de montaxes prácticas con compoñentes reais. Os contidos e actividades que aquí se presentan non son máis ca un complemento para a aprendizaxe, pero non debe substituír o traballo práctico no taller. Para iso preséntanse unha serie de actividades prácticas e propostas de proxectos:

  • Fabricación de compoñentes para os nosos circuítos.Útil no caso de non ter compoñentes comerciais e para comprender o funcionamento dos mesmos.
  • Prácticas de conexión de circuítos.Trátase de adquirir práctica conectando estes compoñentes en circuítos reais, identificando correctamente as patillas, e comprobando o funcionamento de diferentes circuítos. A realizacion destas prácticas capacita ao alumnado para realizar montaxes eléctricas nos prototipos construídos no taller.
  • Deseño de circuítos eléctricos.Preténdese que o alumnado sexa capaz de deseñar os seus propios circuítos e que saiba aplicalos aos seus proxectos.
  • Propostas de proxectos.Inclúense unha serie de propostas de proxectos, unhas directamente relacionadas con este bloque, e outras de inclusión de circuítos eléctricos aos proxectos de mecanismos realizados con anterioridade.

Cuestionarios de navegación:

Inclúese un cuestionario de navegación para cada sección para que o alumnado vaia contestando a diversas preguntas relacionadas cos contidos que aparecen en cada páxina a medida que as vai visitando.

  • Electróns en movemento: (odt | pdf)
  • Magnitudes eléctricas: Nivel1- V, I, R, medidas (odt | pdf) ; Nivel2- P, E (odt | pdf) ;
  • Circuítos básicos: Nivel1-circuítos (odt | pdf) ; Nivel2-cálculos (odt | pdf)
  • Compoñentes: (odt | pdf)

Suxestións:

Para calquera dúbida ou suxestión podedes escribirme un correo electrónico


Deixa un comentario