O Invernadoiro

invernadoiroA traballadora dun invernadoiro quere marchar dúas semanas de vacacións, e necesitaría instalar algún sistema que permita o control do invernadoiro cando estea fóra. Este sistema deberá contar cun dispositivo de rego automático para evitar que as plantas morran. Necesitaría tamén que se puxese o ventilador en marcha se sube demasiado a temperatura e que o teito se abra automaticamente cando é día e se peche cando é noite. Deseña un sistema para lograr isto.

(A idea saqueina da I xornada monográfica de apetega, na que construímos un invernadoiro. En clase prefiro realizar unha proposta máis aberta, e que sexa o alumnado quen deseñe a estrutura do invernadoiro e deseñe os circuítos axeitados á proposta.)

invernadoiroDeseño da estrutura:

O invernadoiro debe ser transparente para que deixe pasar a luz. Podes deseñar unha estrutura lixeira con listóns de madeira ou canutos de papel e forrala con forro de libros ou film transparente de cociña. Tamén podes reciclar caixas de plástico transparentes (tupers) e construír con elas a estrutura.

O teito ou parte del ten que se poder abrir. Podes utilizar un sistema de poleas, engrenaxes, piñón-cremalleira, …

Apertura do teito:

Podes combinar un detector de luz ou de escuridade (vale calquera dos dous) co inversor de xiro con parada automática.
detector de luz detector escuridade  inversor con parada

Podes incorporar un recipiente no teito que recolla auga da chuvia. Se un detector de humidade detecta que hai auga péchase automaticamente o teito, independentemente de se é de día ou de noite. Utiliza un simulador para deseñar o circuíto.

sensor de humidade

Rego automático:

Un sensor de sequidade introducido na terra detecta se as plantas necesitan auga. Nese caso deberá activarse unha bomba de auga. Substitúe o LED e a resistencia de protección e incorpora un relé que actúe sobre a bomba de auga. A bomba estará conectada a un circuíto de tubos que percorre o conxunto de macetas.

riego por goteodetector de sequedade

Ventilación:

Utiliza un sensor de temperatura para activar o ventilador. Podes probalo achegando un secador de pelo á NTC. Axusta a sensibilidade mediante o potenciómetro. Segundo a sensibilidade da NTC que utilices (hainas de diferentes valores de resistencia) deberás axustar o circuíto detector de temperatura.
detector temperatura detector de temperatura

Para todo o circuíto:

Utiliza unha única pila de 9 V para os circuítos electrónicos, e unha única pila de 4,5V para o accionamento dos motores (teito, bomba de auga e ventilador). Tamén podes utilizar unha fonte de alimentación ou cargadores de móbil reciclados.

 


Deixa un comentario