Probas de funcionamento
Unha vez montado o mClon debes comprobar que todo funciona correctamente. Proba os seguintes programas e se non funcionan correctamente debes revisar o cableado.
Zumbador
Carga en modo arduino o seguinte programa. Nada máis cargar debería soar o zumbador.
Non soa? Comproba a conexión do zumbador. O positivo ten que estar conectado no pin dixital 8 e o negativo en GND.
Pulsador
Agora imos facer soar o zumbador cando prememos o pulsador
Se o zumbador soa cada vez que prememos o pulsador está todo correcto.
Se non soa é porque o pulsador non cerra o circuíto. Comproba que os cables están conectados como se ve na figura e, se está correcto, comproba a soldadura do cable branco na placa: debe haber continuidade entre ese cable e o pin superior esquerdo do pulsador.
Motores
Imos comprobar que os motores obedecen ás ordes. Primeiro imos ordenar que os motores anden cara adiante.
Se son xira ningún motor comproba que tes conectado o pin VM do driver. Igual te saltaches a páxina de alimentación. Segundo sexa o tipo de alimentación que uses deberás conectalo de diferente forma. Por exemplo, se estás usando un powerbank o pin VM do driver deberá estar conectado no pin 5V da placa.
Cómpre tamén comprobar os motores por separado. Primeiro ordenar que un dos motores se mova cara adiante, despois cara atrás, e repetir o mesmo co outro motor. M1 é o motor esquerdo e M2 é o dereito.
Se cando ordenas que se mova o motor esquerdo o que se move é o dereito, comproba que o motor esquerdo está conectado nos pins A01 e A02 e o motor dereito nos pins B01 e B02.
Se algún dos motores ou ambos xiran en sentido contrario ás instrucións deberás revisar a conexión dos cables, pois seguramente estea invertida a polaridade.
Se algún dos motores non xira nunca e o outro si, comproba que conectaches ese motor nos pins correctos, ou comproba as conexións entre o driver e o inversor.
Unha vez comprobado isto podes probar outras instrucións: xirar á dereita, xirar a esquerda, xirar a diferentes velocidades, etc.
Sensor ultrasónico
Imos visualizar no ordenador os datos dos sensores
- Conecta o cable USB e conecta o mClon no porto serie.
- Resetea o mClon co programa por defecto do mBot.
Agora imos visualizar o valor que nos dá o sensor ultrasónico. Fíxate que utilizamos o bloque de eventos de presionar a bandeira verde, e non ao de mBot program.
Move a man diante do sensor ultrasónico a diferentes distancias. O boneco do mBlock terá que indicarnos a lectura do ultrasónico.
Se o boneco non marca a distancia comproba primeiro que hai comunicación entre o mClon e o programa mBlock. Se está ben comproba que o ultrasónico o tes ben conectado: Vcc, GND e os pins trig e echo unidos no pin analóxico A3 da placa. Se iso está correcto e segue sen funcionar, comproba a soldadura ou a unión de cables entre os pins Trig e Echo do ultrasónico.
Sensores de liña
Imos comprobar que os sensores de liña funcionan correctamente.
Cando tes o mClon alimentado os LEDs dos sensores deberían acender e apagar segundo estean sobre branco e negro respectivamente. Se ves que algún dos LEDs non acende nunca comproba a conexión Vcc e GND dese sensor.
Ollo, o pin de datos (out) dun sensor está pegado ao chasis e o outro cara á parte exterior. É fácil confundirse.
Agora imos comprobar que temos os sensores conectados nos pins correctos. Escribimos este programa e dámoslle a bandeira verde.
Debes mover o sensor sobre unha liña negra sobre fondo branco e comprobar que se cumpre a táboa anterior. Por exemplo, se o sensor esquerdo está sobre branco e o dereito sobre negro o boneco deberá dicir “branco-negro”. Se funcionase ao revés (o boneco di “negro-branco”) seguramente teñas intercambiados os pins D9 e D10.
A programar!
Tes todo funcionando correctamente? Xa podes empezar a programar o que queiras!