Resistencias: Para os LEDs: 560Ω (ou outro valor menor que 1kΩ) Para os pulsadores: 10kΩ
Un zumbador piezoeléctrico ou no seu lugar un altofalante de 8Ω de impedancia cunha resistencia de 100Ω conectada en serie con el.
Zumbadores
Hai dous tipos de zumbadores, os activos e os pasivos.
[pasivos tecnoloxia.org CC By-SA]Os pasivos necesitan que o Arduíno xere un sinal oscilatorio (Farémolo coa función tone). Son os que imos utilizar para esta práctica. Seguramente son deste tipo os que tendes no taller de Tecnoloxía da ESO.
Os activos teñen a súa propia frecuencia de oscilación, é dicir, cando o sinal que reciben ponse alto o zumbador emite un son sempre coa mesma frecuencia. Non nos valen para esta práctica, pero poden se útiles para alarmas sinxelas nas que non necesitemos un ton determinado.
Altofalantes
[By Zephyris CC-BY-SA from Wikimedia]Podes reciclar pequenos altofalantes de vellos xoguetes e utilizalos para reproducir o son, pero se para os proxectos que fagamos desexamos utilizar un altofalante máis potente non vai chegar coa intensidade proporcionada pola placa Arduíno, e deberás conectar o altofalante a un circuíto amplificador. Podes construílo con compoñentes electrónicos (Aquí nos explican como facelo), pero se non te queres liar podes atopar dispoñibles no mercado módulos amplificadores de audio deseñados especialmente para conectalos co Arduíno.
Montaxe:
Conectamos dous LEDs coas súas resistencias de protección (220-560Ω) nos pins 12 e 13, un zumbador piezoeléctrico no pin 4 (podes engadirlle unha resistencia de 100Ω en serie para que soe máis baixo) e un pulsador coa súa resistencia de 10kΩ no pin 2, tal e como aparece no seguinte esquema:
Para a práctica do piano vas necesitar máis pulsadores. Engádeos conectándoos da mesma maneira.